Ver todas as novas do día...

  • Foto da nova

    O Concello de Cambados súmase á campaña “en negro contra as violencias machistas”

    O 17 de decembro de 1999 a Asemblea Xeral das Nacións Unidas declarou o 25 de novembro como Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres, convidando a gobernos, organizacións internacionais e organizacións non gobernamentais a desenvolver actividades dirixidas a sensibilizar á poboación respecto da situación de violencia na que viven moitas mulleres.

    A violencia machista é a expresión máis extrema das desigualdades sociais que viven as mulleres. Un tipo de violencia que sofren as mulleres polo simple feito de o seren, unha desigualdade silenciada, agochada e en moitos casos normalizada. Segundo os datos da última Macroenquisa de violencia contra as mulleres realizada no 2015 polo Ministerio de Sanidade, Servizos Socias e Igualdade, un 13% das mulleres residentes en España de máis de 16 anos declaran ter sufrido violencia física ou sexual nalgún momento da súa vida por parte da parella ou exparella, un 26% violencia psicolóxica de control —celos, control de horarios e actividades etc.— e un 20% violencia psicolóxica emocional —insultos, intimidacións, ameazas verbais, etc—. Dende 2003 ata maio do 2017, a Delegación de Goberno rexistrou 53 asasinatos machistas en Galicia, e 780 en España.

    Co obxectivo de promover e facer visible o rexeitamento da cidadanía ante calquera tipo de violencia contra as mulleres, no 2015, o Concello de Santiago puxo en andamento a campaña de sensibilización Compostela, en Negro, na que se implicaron arredor de 300 establecementos comerciais e axentes sociais do municipio, que se converteron en embaixadores da mesma.

    A acción consistiu en tinguir de negro a cidade a través dos escaparates, os manequíns, a roupa de traballo; vestir loito en sinal de dor por todas as mulleres que sofren violencia machista e como resposta á máis dura das súas consecuencias: a morte.

    Partindo desta boa práctica, e coa finalidade de multiplicar e estender a incidencia social desta campaña, no 2016, dezaseis concellos máis uníronse para desenvolveren conxuntamente a campaña de sensibilización En negro, contra as violencias, formaron parte da acción: A Coruña, Ames, Cangas, Carballo, Compostela, Ferrol, Lugo, Poio, Pontevedra, Ribadeo, Sada, Santiago de Compostela, Sarria, Teo, Tui, Vilalba e Zas. Este ano xa somos máis de cincuenta os concellos que queremos situar na axenda política, con contundencia e para sempre, a loita contra as violencias machistas.

    Á marxe da repercusión e impacto que poida ter esta campaña, consideramos xa de antemán como un gran éxito compartido o feito de que, por primeira vez, concellos tan diversos, e de diferentes cores políticas, esteamos a traballar en rede contra as violencias machistas e a prol da igualdade das mulleres. Todas e todos en negro, contra a violencia.

     

    LER MÁIS

  • CONXUNTO HISTÓRICO

    Cambados posúe un Conxunto Histórico que foi declarado Ben de Interese Cultural. É un dos mellor restaurados de Galicia. O patrimonio cambadés loce pazos e casas nobles, esculturas deseñadas por grandes artistas e pezas de arte popular, prazas e rúas empedradas, un pracer para quen ama a arte e a historia.

  • Albariño

    Cambados tamén é coñecida como a Capital do Albariño, pois o cultivo e a exportación do viño danlle renome a nivel mundial. Aquí creouse e impulsouse a Denominación de Orixe Rías Baixas, que controla e mellora a produción vinícola para a súa exportación aos principais mercados.

  • Gastronomía

    A calidade dos peixes e mariscos, así como dos froitos da horta, converten á gastronomía nun dos sectores básicos da economía cambadesa. A degustación de produtos típicos da ría de Arousa, regados cun aromático Albariño, é un dos sinais peculiares que distingue a este municipio.

  • Festas

    Durante todo o ano en Cambados desenvólvense programas de actividades festivas e culturais. Hai concertos de primeiro nivel, danza e teatro, festivais folclóricos, exposicións de arte, deportes, espectáculos ao aire libre... Os visitantes intégranse no ambiente con gran facilidade, grazas á acollida da xente.

  • Natureza

    Outro dos grandes praceres de Cambados consiste en percorrer a costa a través de paseos marítimos, ou sendeiros naturais dende onde se contemplan frondosas paisaxes e as míticas postas de sol. Resulta agradable achegarse á praia para observar ás mariscadoras recollendo moluscos.

  • Museos

    En Cambados pódense visitar catro museos: o Museo Etnográfico e do do Viño, o Muiño de Mareas de A Seca, a Casa Museo do Pescador e a Casa Museo do gran poeta Ramón Cabanillas.